Con solvencia e grandes sensacións. Así arrincou Jéssica Bouzas a que é a súa segunda participación no cadro final do WTA 1.000 de Madrid, o torneo de maior categoría dos que se disputan en España.
A arousá, número 69 do mundo, venceu en primeira rolda á exipcia Mayar Sheriff, vencedora fai poucos dias do ITF 100 disputado na capital española.
Fíxoo na pista central de La Caja Mágica e co apoio de todo o público, un ambiente que non lle foi alleo.
"Estou sorprendida e moi contenta con todo o agarimo que recibín. Non mo esperaba, pensaba que ía ser como hai un ano, pero hoxe todo o público envorcouse en min e impresionoume", sinalou tras o partido en declaracións recollidas polo torneo.
Bouzas superou a súa rival en 72 minutos de xogo, cun tenteo de 6-3 e 6-1 no que non concedeu nin unha soa opción de rotura co seu servizo, e xa mira cara a unha segunda rolda na que lle espera a polaca Magdalena Frech, número 27 do ranking.
Jéssica deu un paso de xigante hai un ano nas mesmas pistas de Madrid, cando gañou a Paula Badosa en primeira rolda do torneo.
Agora 12 meses despois daquel partido, ao que logo seguiría a súa estrea en Roland Garros e unha brillante participación en Wimbledon chegando a terceira rolda, recoñece que "crecín moito neste último ano, non só como xogadora, si non tamén como persoa".
"Vivín unha chea de experiencias nestes doce meses, non todas positivas e creo que tamén nas negativas puiden aprender moitísimo. Son unha xogadora totalmente distinta e por exemplo xa xogara na pista central", explicou a tenista de Vilagarcía, que soña con facer algo grande na Caja Mágica.