Chegaba tras unha espectacular xira norteamericana, na que avanzou até cuartos de final no WTA 1.000 de Montreal e até os oitavos de final en Cincinnati, pero esta vez a moeda saíulle cruz.
Jéssica Bouzas non puido pasar da primeira rolda no WTA 500 de Monterrey, en México.
A arousá, que chegaba á cita no posto 40 virtual do ranking mundial, cedeu este luns na súa estrea mexicana ante a rusa Kamilla Rakhimova (6-4, 7-5), número 68 do mundo.
Bouzas competiu como afai, pero acabou claudicando en hora e media de partido.
Unha derrota que non embaza en ningún caso o seu bo momento e que lle fai chegar con plena confianza á última gran competición da tempada, o US Open.
O último grand slam do ano arrinca o vindeiro domingo 24 de agosto, e nel céntrase xa a que será a principal representante española no cadro final ante a baixa confirmada de Paula Badosa.
Nas pistas de Nova York, Jéssica Bouzas tentará defender a terceira rolda que alcanzou hai un ano.
A de Vilagarcía coñecerá o nome da súa primeira rival e o camiño que lle espera no torneo o vindeiro xoves 22, cando se celebre o sorteo do cadro tanto feminino como masculino.