Jéssica Bouzas regálase por Reis a súa primeira vitoria contra unha Top-5 mundial

O Salnés
05 de xaneiro 2026

A tenista arousá venceu este luns a estadounidense Coco Gauff, número 4 do mundo, na segunda xornada da United Cup que se disputa en Australia

Jéssica Bouzas, nun partido con España na Billie Jean King Cup
Jéssica Bouzas, nun partido con España na Billie Jean King Cup / RFET

Vaia maneira de empezar o ano para Jéssica Bouzas.

A tenista arousá, xa inmersa na xira oceánica que acabará no Open de Australia, logrou este luns unha das vitorias máis importantes da súa carreira.

Bouzas venceu a estadounidense Coco Gauff, número 4 do mundo, na United Cup, competición por equipos na que representa a España.

É o primeiro triunfo de Jéssica fronte a unha Top-5 mundial, e tamén o primeiro fronte á propia Gauff, gañadora de dous grand slam na súa carreira (Wimbledon e o US Open).

A de Vilagarcía, que na xornada inaugural caera fronte á arxentina Solana Sierra, desquitouse no seu segundo encontro do ano mostrando o seu xogo máis aguerrido e impoñéndose en tres mangas por 6-1, 6-7 (3) e 6-0.

Todo iso en 2 horas e 12 minutos de xogo.

"Estou moi contenta por esta vitoria, por como xoguei. Coco é unha tenista incrible contra a que sabía que tería que estar sempre aí, en todo momento", afirmou tras o partido disputado en Perth a propia Jéssica Bouzas en declaracións á televisión oficial da United Cup.

Un triunfo que "me dá moita confianza porque se trata de gañar a unha das mellores do mundo e vexo que o meu nivel está aí", afirmou no inicio dunha tempada na que pretende consolidarse entre as mellores xogadoras do planeta.