A United Cup, primeiro reto de 2026 para Jéssica Bouzas

O Salnés
18 de novembro 2025

A tenista arousá liderará a España xunto a Jaume Munar no torneo mixto por equipos que arrincará o día 2 de xaneiro en Australia e que vén de confirmar os seus grupos de competición

Jéssica Bouzas, adestrando con España na Billie Jean King Cup
Jéssica Bouzas, adestrando con España na Billie Jean King Cup / RFET

Acaba de finalizar a tempada 2025 e Jéssica Bouzas empeza a mirar xa cara ao 2026.

A deportista arousá, que se consolidou na elite mundial do tenis pechando a tempada desde o posto 42 do ranking WTA, iniciará 2026 con importantes retos.

O primeiro será o de liderar a España na United Cup, torneo mixto por equipos que se celebra en Australia e que serve de preparación para o primeiro grand slam do ano.

Bouzas encabezará o equipo español xunto a Jaume Munar (36), completando a selección Carlos Taberner (104) e Andrea Lázaro (182).

A United Cup vén de celebrase este luns o sorteo dunha competición que arrincará o día 2 de xaneiro.

No que respecta a España, quedou encadrada no Grupo A, con sede en Perth, xunto aos equipos de Estados Unidos e Arxentina.

Isto supón enfrontamentos de alto nivel, e é que no apartado feminino a selección norteamericana está comandada por Coco Gauff, actual número 3 do mundo, mentres que en Arxentina destaca Solana Sierra (66).

Para clasificarse para os cuartos de final, que se xogarían xa en Sidney, a Selección Española debería acabar como primeira do seu grupo ou ser unha dos mellores segundos.