Jéssica Bouzas, co seu mellor ranking a tiro no WTA 250 de Osaka

O Salnés
14 de outubro 2025
Actualizado: 15 de outubro

A tenista arousá está xa en oitavos de final do torneo xaponés tras vencer a estadounidense Katie Volynets. Pode saír de Osaka co mellor ranking da historia para unha xogadora galega

Jéssica Bouzas adestrando con España na Billie Jean King Cup
Jéssica Bouzas adestrando con España na Billie Jean King Cup / RFET

A tempada aínda non finalizou para Jéssica Bouzas, que apura os seus últimos torneos do curso cun bonito reto.

A tenista arousá, actual número 40 do ránking mundial, aspira a pechar o ano marcando o mellor posto da súa carreira na clasificación mundial e de paso o mellor de sempre para unha xogadora galega.

Bouzas teno a tiro esta mesma semana no WTA 250 que se está a disputar en Osaka, Xapón.

A xogadora de Vilagarcía xogou este martes o seu primeiro encontro do torneo, superando a estadounidense Katie Volynets, procedente da previa, por un claro 6-2 e 6-4.

Desta forma avanzou até os oitavos de final, nos que se medirá á romanesa Jacqueline Cristian, número 47 do ranking e á que vén de gañar en Beijing.

De gañar este encontro, os puntos que sumará permitiranlle superar o seu teito histórico, ese posto 40 do mundo que tamén chegou a alcanzar a pontevedresa Lourdes Domínguez no ano 2006.