A aventura da arousá Jéssica Bouzas en Roland Garros 2025 continúa. Xa está na terceira rolda do torneo parisiense. Logrouno tras derrotar este xoves á estadounidense Robin Montgomery, que chegou a pór á galega contra as cordas.
Bouzas, que chegaba a este partido tras a súa xesta fronte á número 9 do mundo, Emma Navarro, impúxose en tres sets, 6-4, 4-6 e 7-5, tras dúas horas e nove minutos de encontro.
A galega comezou ben sobre a pista número 12 do complexo de tenis parisiense, levándose o primeiro set por 6-4, despregando un xogo sólido desde o fondo da pista.
A segunda manga, pola súa banda, caeu ao lado da estadounidense, que mellorou o seu nivel sobre a terra batida e devolveu a Bouzas ese mesmo resultado, 4-6.
Seguiu Montgomery sen porllo fácil á pontevedresa e chegou a ter un 4-1 a favor nun terceiro e definitivo set, que se lle fixo especialmente longo á americana.
Foi entón cando, lucindo a súa mellor versión, Jéssica Bouzas logrou remontar o partido, adxudicándose catro xogos consecutivos e salvando incluso unha bóla de break que evitou que o marcador se colocara 6-6 e o encontro se decidira nun perigoso tie-break.
A súa rival en terceira rolda, que xa é a súa mellor clasificación histórica en París, será a tamén estadounidense, Hailey Baptista, número 70 do mundo.
Bouzas, que comezou Roland Garros no posto 68 do ranking, coas dúas vitorias que leva en París escalará, como mínimo, dez prazas até o número 58 do mundo.