Malas novas para o Pontevedra Club de Fútbol. A resonancia magnética á que foi sometido nas últimas horas Jimmy revela que sofre unha lesión de maior gravidade á esperada.
O lateral zurdo granate estará polo menos 8 semanas de baixa, segundo as primeiras estimacións dos servizos médicos.
Isto débese a que a dura entrada dun contrario no último partido de liga, ante o San Sebastián de los Reyes, produciulle unha escordadura de grao II do ligamaneto lateral interno do seu xeonllo dereito cunha "contusión ósea no condilo femoral interno e rotura do corno posterior do menisco interno", sinala o diagnóstico.
Esta última lesión, a rotura do menisco, obrigará ao futbolista para pasar polo quirófano, unha intervención mediante a técnica de artroscopia que se realizará a próxima semana, segundo informou o club granate.
Un problema por tanto para Luisito, que deberá recompoñer a súa liña defensiva coa ausencia durante polo menos dous meses do que estaba a ser o lateral esquerdo titular do equipo. David Castro sitúase agora como o único xogador especialista nesa posición, pero tamén Bruno Rivada ou mesmo Álex González poderían acomodarse a esa demarcación nos próximos partidos de liga.