João Ferreira volve ser xogador do Cisne un mes despois da súa despedida

Pontevedra
22 de xullo 2026
Actualizado: 21:18

O lateral portugués, máximo anotador do equipo a pasada campaña en División de Honra Prata, regresa ao club lerezano tras chegar a un acordo entre ambas as partes

João Ferreira no partido entre Cisne e Anaitasuna
João Ferreira no partido entre Cisne e Anaitasuna / Cristina Saiz

O mercado de fichaxes do Club Cisne Balonmán deu un xiro de 360 graos este mércores co regreso dun dos xogadores máis importantes do equipo, o lateral João Ferreira.

Durante a tempada 25/26 en División de Honra Prata, o portugués afianzouse como un dos xogadores con máis peso no vestiario ademais de ser a máxima referencia anotadora do plantel con 142 goles en 30 partidos de liga (4.73 de media por encontro).

As opcións de lograr a súa continuar de cara ao novo curso torcéronse nun primeiro momento, pois o club lerezano anunciou o 18 de xuño a súa despedida tras unha tempada como xogador da escuadra cisneísta.

Con todo, e contra todo prognóstico, o Cisne anuncia agora que João Ferreira volve para formar parte do equipo durante a próxima tempada.

Pechar a súa "fichaxe" non foi sinxelo, pois desde o club afirman que se trata dunha operación complicada xa que o orzamento para unha ficha senior profesional estaba moi limitado a estas alturas do mercado.

Este esforzo permite finalmente atar a un dos pesos pesados do equipo que contribuirá, sen ningunha dúbida, a lograr de novo o obxectivo da permanencia en División de Honra Prata.

O Cisne conta agora con 17 xogadores confirmados para afrontar o próximo curso.

A primeira ocasión para ver en funcionamento o equipo de Marcos Quiños será na segunda edición do Torneo Interpontes que se celebrará en Pontevedra os días 13 e 14 de agosto.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora