José Covelo, Pablo Hinojar, Jesús Hermida e David Cal, recoñecidos co Premio Terra de Hércules

Pontevedra
28 de xaneiro 2026

Os galardóns, outorgados pola Fundación Amare Terra que promove a Xunta de Galicia, recoñece a persoas ou entidades que promoveron o deporte e os valores do movemento olímpico

II edición do Premio Terra de Hércules Xunta de Galicia

O deporte pontevedrés foi protagonista este martes na entrega dos Premios Terra de Hércules, que por segundo ano outorga a Fundación Amare Terra que promove a Xunta de Galicia.

Trátase dun galardón que pretende recoñecer a persoas ou entidades que promoveron o deporte e os valores do movemento olímpico ao longo da súa traxectoria.

"O Premio Terra de Hércules non é un ranking de méritos deportivos nin un palmarés competitivo, senón un recoñecemento coral ao ecosistema do deporte galego, valorando traxectorias diversas e incomparables entre si nos múltiples ámbitos e alcance que ten a actividade deportiva: formación, arbitraxe, xestión, voluntariado, impacto social, legado histórico e excelencia", explica na súa base a Fundación Amare Terra.

Outorgáronse un total de 14 distincións nunha gala celebrada na Coruña, varias delas a persoas relacionadas co deporte pontevedrés.

José María Covelo Cartelle, traballador da Deputación de Pontevedra e socio número 1 do Club Cisne pontevedrés, é unha das figuras recoñecidas por "a súa relevante traxectoria vinculada ao balonmán e ao impulso deportivo territorial".

Tamén se premiou a Jesús Hermida Cebreiro, santiagués de nacemento pero vinculado a Marín desde a súa infancia. Chegou a ser presidente do Comité Olímpico Español "con máis de sesenta anos de dedicación ao deporte. O seu papel foi totalmente decisivo na modernización do sistema deportivo español durante a Transición", xustifica a Fundación.

Outra figura recoñecida é a de David Cal Figueroa, cinco veces medallista olímpico en piragüismo e todo un "referente de excelencia, humildade e superación".

Por último, a título póstumo, entregouse o Premio Terra de Hércules ao adestrador pontevedrés Pablo Hinojar "pola súa dedicación comprometida e inspiradora ao desenvolvemento dunha disciplina minorizada como a ximnasia de trampolín. O seu legado humano e deportivo segue vivo na formación de ximnastas e na dignificación dunha especialidade pouco visible", asegura o fallo do xurado.