Katya Calvar consegue a medalla de prata no Open de Israel

Pontevedra
28 de novembro 2016

A deportista marinense do Mat's suma así importantes puntos para o ránking internacional, ao tratarse dunha competición de categoría G-1. O taekwondo pontevedrés estivo tamén representando, aínda que sen tanta fortuna, no Open de París

Katya Calvar, coa medalla de prata conseguida no Open de Israel
Katya Calvar, coa medalla de prata conseguida no Open de Israel / Federación Galega de Taekwondo

Gran resultado para a marinense Katya Calvar no Open de Israel de taekwondo, celebrado durante a fin de semana na cidade de Ramla.

A deportista do Mat's de Marín, que acudiu á cita convocada pola Real Federación Española de Taekwondo, colgou a medalla de prata en -67 quilos, sumando así importantes puntos no ránking internacional ao tratarse dunha competición de categoría G-1.

Katya tívose que sobrepoñer ás molestias físicas que arrastra desde o Open de Serbia, e avanzou con apuros na primeira rolda ante a representante grega remontando un 0-2 en contra e levando o combate no punto de ouro.

Na semifinal Calvar eliminou á representante rusa (2-0), mentres na final enfrontouse a outra das deportistas gregas perdendo nos últimos segundos por un só punto (5-6).

SEN FORTUNA NO OPEN DE PARÍS

Tamén estivo representado o taekwondo pontevedrés no Open de París, onde en categoría senior faltou fortuna para pelexar polas medallas.

A que máis preto quedou foi a caldense Lúa Piñeiro (Natural Sport, -67 quilos) ao caer en cuartos de final. Pola súa banda Jéssica Blanco (Mace Sport, -57 quilos) perdeu no seu segundo enfrontamento, en oitavos de final, mesma rolda na que cedeu Sara Cortegoso (Mace Sport) no peso de -49 quilos.