La Vuelta volverá pasar pola provincia en 2016

Pontevedra
11 de setembro 2015

A rolda ciclista por etapas partirá o próximo ano desde Ourense e contará con cinco etapas en Galicia que pasarán polas catro provinicias, segundo anunciou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Pontevedra, receptiva á opción de ser inicio ou final de etapa  

Final de etapa de La Vuelta 2014 no Monte Castrove (Meis)
Final de etapa de La Vuelta 2014 no Monte Castrove (Meis)

Logo dun ano de ausencia, La Vuelta Ciclista a España volverá en 2016 a cruzar a xeografía galega e tamén as estradas pontevedresas.

A directora de Tursimo de Galicia, Nava Castro, confirmou este venres que a rolda por etapas arrancará a súa próxima edición nun balneario de Ourense. Será cunha contrarreloxo por equipos, pero non quedará aí o paso da caravana ciclista.

En total serán cinco as etapas que se desenvolverán en Galicia, pasando polas catro provincias converténdose en "unha magnifica ferramenta para dar a coñecer as variadas paisaxes, a sorprendente natureza, a excelente enogastronomía e ou noso importante patrimonio cultural", explicou Nava Castro.

En canto á etapa pontevedresa, a capital provincial ve con bos ollos a posibilidade de acoller a saída ou chegada dalgunha das xornadas de competición, dado o impacto económico e publicitario que supón.

En todo caso dende o Concello aseguran que non se produciron polo momento contactos con Unipublic, empresa organizadora da carreira.

A de 2016 será a oitava vez que La Vuelta comece en Galicia. A anterior foi en 2013, cando arrancou en Vilanova de Arousa desde unha batea.