O Concello de Marín traballa xa no dispositivo loxístico e de seguridade necesario para a saída desde a vila da terceira etapa da Vuelta Ciclista a España, o próximo 22 de agosto.
Tenente de alcalde, concelleiro de Deportes e xefe da Policía Local reuníronse este xoves con representantes de Unipublic, empresa organizadora da carreira ciclista, para debater aspectos técnicos sobre o evento, cuxa infraestrutura require de certa complexidade.
A Praza de España, desde onde partirá a carreira, converterase xunto o aparcadoiro do Paseo Alcalde Branco, no epicentro da caravana ciclista e publicitaria que rodea a La Vuelta e que permite a todos os afeccionados ver de preto aos deportistas e participar en eventos paralelos.
Na reunión técnica avanzouse tamén no percorrido neutralizado que os ciclistas realizarán por varias rúas de Marín antes de abandonar a localidade pola Avenida de Ourense en dirección Pontevedra nos primeiros quilómetros dunha etapa que finalizará no Miradoiro do Ézaro, no municipio coruñés de Dumbría.