Marín-Ézaro, así será a terceira etapa de La Vuelta 2016

Marín
09 de xaneiro 2016

A Vuelta Ciclista a España volverá á comarca de Pontevedra o próximo 22 de agosto, nunha edición que partirá o día 20 desde o Balneario de Laias (Ourense) e que foi presentada oficialmente este sábado en Santiago de Compostela

Perfil da terceira etapa de La Vuelta 2016 entre Marín e Ézaro
Perfil da terceira etapa de La Vuelta 2016 entre Marín e Ézaro / RTVE

A Vuelta Ciclista a España 2016 desvelou este sábado o seu percorrido nun acto celebrado en Santiago de Compostela dada a súa importante influencia galega na próxima edición da carreira.

A rolda por etapas comezará o día 20 de agosto desde o Balneario de Laias (Ourense) para dous días despois visitar a comarca de Pontevedra.

Tras a etapa Ourense-Baiona, o terceiro día de competición partirá desde Marín, o 22 de agosto.

O pelotón para afrontar 170 quilómetros de percorrido ata o Miradoiro do Ézaro, en Dumbría, pasando por varias localidades da provincia na primeira metade da xornada.

Así, tras abandonar Marín, a caravana ciclista pasará por Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Cambados ou Vilanova de Arousa antes de cruzar a ría e dirixirse á provincia da Coruña.

A etapa terá dous portos de montaña nos Montes de Carnota e o alto de Paxareiras, a pouco de meta, antes da explosiva chegada en Ézaro.

La Vuelta continuará varios días máis por Galicia, pero xa non volverá por Pontevedra, centrando a súa actividade en localidades como Betanzos, San Andrés de Teixido, Viveiro, Lugo, Monforte de Lemos ou Luintra.