Lara Balseiro, nova baixa nun Marín Futsal que renova a Adriana

Marín
24 de maio 2023
Actualizado: 16:55

Segue a revolución no Marín Futsal, que este mércores confirmou que Lara Balseiro non continuará no club a próxima tempada, uníndose desta forma ás saídas de Silvia Aguete, Ceci e Pau

Lara Balseiro, no partido entre Marín Futsal e Rayo Majadahonda na Raña
Lara Balseiro, no partido entre Marín Futsal e Rayo Majadahonda na Raña /

Segue a revolución no Marín Futsal. Os cambios no equipo da Raña van ser profundos para a próxima tempada coa saída de moitas das xogadoras importantes do equipo.

Á lista que xa engrosaban a gardameta internacional Silvia Aguete, Ceci, a capitá Pau xunto a Bea Mateos, que deixou as pistas en abril, únese agora outra futbolista cunha ampla e exitosa traxectoria.

Trátase de Lara Balseiro, deportista que aterrou en Marín o pasado verán desde o Burela multicampeón e cuxa saída confirmou este mércores a entidade marinense.

"É unha xogadora que desprende alegría e calidade, que nos regalo moi bos momentos na pista e fóra dela e botarémola de menos", sinala o Marín Futsal.

Por outra banda o Marín Futsal confirmou a segunda renovación no plantel, a de Adriana, que se une nesta lista a María Estévez ademais da o adestrador Ramiro Díaz.

"Adriana confía no proxecto e aposta por seguir crecendo como xogadora en Marín. Unha noticia moi boa para o club, que continúa apostando por xogadoras novas para a próxima tempada", sinalou a entidade da Raña.