Leis Femenino e Poio FS reviven os seus derbis no Municipal con triunfo visitante (1-2)

Pontevedra
18 de setembro 2014

O encontro, correspondente á fase de grupos da Copa Xunta, estivo marcado pola igualdade e a grande actuación das dúas gardametas

Partido de Copa Xunta entre Leis Pontevedra e Poio FS
Partido de Copa Xunta entre Leis Pontevedra e Poio FS / Diego Torrado

Ningún dos dous equipos podía optar xa á única praza que dá a clasificación para a seguinte rolda da Copa Xunta, pero Leis Femenino e Poio Fútbol Sala aproveitaron o seu enfrontamento para rememorar os intensos derbis de hai só dúas tempadas.

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra foi escenario dun duelo marcado pola igualdade e que caeu do lado visitante por un apertado 1-2.

O Poio levou a iniciativa dende o inicio do choque, cun equipo lerezano repregado en media pista pero que intentaba saír con perigo en rápidas transicións á contra. O guión mantívose estable ata o segundo período sen cambios no marcador, principalmente pola boa actuación das gardametas.

Xa na segunda parte Gema adiantou o Leis, pero pronto Raquel Souza puxo a igualada para as vermellas. As rapazas adestradas por Morenín decidiron o choque no último minuto co 1-2 obra de Claudia.

Un partido en definitiva que confirma as boas sensacións das pontevedresas ante un equipo de superior categoría e que serve ás vermellas para preparar a segunda xornada de liga en Primeira División.