A primeira eliminatoria do play-off de ascenso a Segunda División está costa arriba para o Stellae Leis Pontevedra pero ao alcance da remontada.
Os pontevedreses prepáranse para tentar levantar o 3-2 da ida da pasada fin de semana na pista do Albense.
Para iso fíanse a "o noso fortín, o que nos levou á final de Copa Galicia", aseguran desde o club.
Refírese o Leis ao pavillón de Monte Carrasco, en Marcón, que acollerá o decisivo partido o vindeiro sábado 17 de maio ás 17.30 horas da tarde.
"Coa nosa afección ruxindo e o equipo deixándoo todo, isto levántase"!, asegura con optimismo o Stellae Leis Pontevedra.
Ademais, para vivir a xornada como se merece a unha cita polo ascenso, desde a entidade pontevedresa prepararon unha previa de altura para os afeccionados.
Será a partir das 16.00 horas no exterior do pavillón, onde se instalará unha barra con comida e bebida e onde se contará con animación musical a cargo da Charanga Os Embarrados.
De superar este primeiro cruzamento do play-off, o equipo adestrado por Santi Valladares deberá afrontar aínda unha segunda eliminatoria o 24 e 31 de maio e unha terceira e decisiva o 6 e 14 de xuño. Pero esa será outra historia.