Logroño, un partido para permitirse soñar

Pontevedra
15 de marzo 2016

Tras pasar a barreira dos 45 puntos, que se sitúan como límite virtual para a permanencia, o Pontevedra céntrase xa no seu próximo compromiso ligueiro, unha difícil saída ao estadio do Logroñés que en caso de gañar meteríalle de cheo na pelexa polo play-off de ascenso. O club granate habilita unha viaxe organizada para os seus afeccionados

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe Mónica Patxot

O Pontevedra volveu aos adestramentos tras o traballado triunfo ante o Arandina que permitiu superar a barreira dos 45 puntos e situarse con 47 na quinta praza.

Coa permanencia asegurada, os granates céntranse xa no seu próximo e complicado compromiso ligueiro, unha visita á Unión Deportiva Logroñés, terceiro clasificado con 53 puntos, que en caso de gañar meteríalle de cheo na pelexa polo play off de ascenso.

O duelo do sábado (20:00 horas) no Estadio de Las Gaunas pode supoñer un empuxón para os de Luisito, que ademais buscan desquite da inxusta derrota no choque da primeira volta en Pasarón.

Non será unha tarefa sinxela, posto que o Logroñés só perdeu dous partidos como local no que vai de liga (Somozas e Arandina), pero os pontevedreses chegan á cita tras encadear catro xornadas sen perder e recuperando as boas sensacións que ofreceron durante a primeira metade da competición.

Con Carnero e Capi aínda en fóra de xogo por lesión e Company aínda con molestias, o técnico espera non contar con máis baixas para o choque. Verdú e Bello adestraron a menor ritmo na primeira sesión da semana por molestias físicas pero a previsión é que se incorporen ao grupo o mércores, tras a xornada de descanso deste martes.

VIAXE ORGANIZADA PARA A AFECCIÓN

A directiva granate anunciou a posta en marcha dunha viaxe organizada en autobús para os seus afeccionados, que terá un custo de 30 euros máis a entrada para o partido.

O autocar partirá ás 8:00 horas do sábado desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar despois do encontro. Os interesados poden anotarse nas oficinas de Pasarón ata as 14:00 horas do venres.