Loita encarnizada por unha praza na Copa do Rei

Pontevedra
20 de abril 2016

Das catro xornadas que restan para o final da liga na Segunda B, o Pontevedra afrontará tres duelos directos ante rivais que pelexan polo quinto posto, última praza que dá dereito a xogar a próxima edición do torneo do K.O., empezando polo choque do próximo domingo nas Somozas

Kevin Presa durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe
Kevin Presa durante un adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe / Mónica Patxot

Encarnizada. Así será a loita do Pontevedra pola quinta praza no último mes de competición, e é que os granates aspiran a xogar a próxima tempada a Copa do Rei e ese obxectivo complicouse cos últimos tropezos.

A derrota ante o Celta B fixo aos granates caer á sétima posición con 51 puntos, os mesmos que teñen Burgos e Cultural Leonesa, quinto e sexto.

Só o quinto clasificado gañarase unha praza no torneo do K.O., pero os aspirantes multiplicáronse, con catro equipo nun só punto (o Guijuelo ten 50 puntos) e o Somozas á espreita a tres de distancia, con 48.

Cando só restan catro xornadas de liga, o Pontevedra sabe que depende de si mesmo e xogarase todo ante rivais directos, xa que tres deses catro partidos serán ante Somozas, Leonesa e Burgos.

Os granates contan co calendario máis complicado a priori, empezando este domingo 24 coa visita ás Somozas (18:45 horas). Recibirán despois ao Valladolid B en Pasarón, viaxarán a León na xornada 37 e terminará a liga regular na casa ante o Burgos.

O primeiro plantel do club pontevedrés, tras a xornada de descanso, pensa xa en terminar a tempada na mellor posición posible. Todos os xogadores, a expeción dos lesionados Capi e Pablo Carnero estarán a disposición de Luisito na primeira das catro finais que restan.

O dianteiro segue sen poder incorporarse ao grupo e a opción de que regrese aos terreos de xogo esta tempada parece complicada. Caso diferente é o de Capi, que aos poucos vai recuperando sensacións nos adestramentos e incrementando o ritmo de traballo pensando en volver ao equipo nalgún dos partidos que restan.