Loita pola novena praza para o Poio Pescamar en Móstoles

Poio
30 de abril 2016

O conxunto vermello visita este domingo (12:30 horas) a pista do FSF Móstoles co aliciente de ascender un posto na clasificación e poder sumar de maneira matemática a permanencia na Primeira División Feminina

Adestramento do Poio FS 2015/2016
Adestramento do Poio FS 2015/2016 / Mónica Patxot

O Poio Pescamar viaxa esta fin de semana a Móstoles cun dobre obxectivo, superar ao conxunto madrileño na clasificación para situarse na novena praza e, de paso, asegurar de maneira matemática a permanencia na Primeira División Feminina.

As vermellas, décimas con 30 puntos, contan con 12 de renda sobre o descenso cando só restan 15 en xogo, polo que un triunfo certificaría o principal obxectivo da tempada. 

Ademais o Poio Pescamar está a só un punto do seu próximo rival, o FSF Móstoles, ao que visitan este domingo (12:30 horas) no Pabellón Villafontana.

Jorge Basanta non poderá contar para a cita con Suki, lesionada, pero si co resto do plantel. A futbolista do cadro pontevedrés continúa o seu proceso de recuperación e espera poder reincorporarse ao traballo co resto do grupo nos próximos días.