Lolo Escobar, técnico do Avilés, afirma que o Pontevedra "tamén ten moitísima presión"

Pontevedra
22 de maio 2026

O adestrador do conxunto avilesino analizou en rolda de prensa ao equipo granate e destacou o gran ambiente que presentará o Municipal de Pasarón para o encontro deste sábado

Lolo Escobar, adestrador do Real Avilés Industrial
Lolo Escobar, adestrador do Real Avilés Industrial / Real Avilés Industrial

O Real Avilés Industrial visitará este sábado ao Pontevedra Club de Fútbol co obxectivo de lograr a permanencia en Primeira Federación. Aos asturianos válelles un empate para certificalo de forma matemática e, incluso perdendo, poden manter a categoría dependendo de resultados alleos.

O técnico do cadro avilesino, Lolo Escobar, analizou o choque fronte ao conxunto granate e en relación á pelexa pola salvación afirmou que "somos os únicos que dependemos de nós mesmos".

Consciente de todo o que hai en xogo e do gran ambiente que presentará o feudo lerezano, o adestrador estremeño explicou que porá aos xogadores "que saiban xogar con esa presión coa que imos ter que xogar e xogar co ambiente de Pasarón".

"Ao que non lle guste xogar cun ambiente de fútbol como o que imos vivir o sábado, pois que se dedique a outra cousa" afirmou Escobar ao explicar que "é moito mellor xogar así que xogar con cen persoas".

Sobre o equipo de Rubén Domínguez, o estremeño definiuno como "un equipo forte, un equipo firme, que está a loitar polo play-off e que tamén ten moitísima presión"

Foi máis aló o técnico do Real Avilés Industrial ao profundar no rendemento do Pontevedra como local: "Acumula 10 empates en 18 xornadas en casa, é un resultado bastante habitual".

A pesar de que o empate lle vale ao cadro asturiano para salvarse, Lolo Escobar foi firme ao afirmar que "son partidos en que tes que ir gañar e non a polo empate nin a polo que te valga".

BRAZALETES CONMEMORATIVOS

O Real Avilés Industrial leva a cabo unha iniativa na que presenta un brazalete conmemorativo en cada encontro que disputa como visitante. Xa o fixo hai dúas tempadas en Pasarón e repetirá o xesto este sábado.

Naquela ocasión, o capitán do club asturiano portou un brazalete cun deseño sobre a lenda do heroe grego Teucro.

Esta vez a temática é o Hai Que Roelo, icónica frase que identifica ao club lerezano e que estará representada cun óso cos escudos de ambos os dous equipos.

Unha gran iniciativa do Real Avilés que, ademais de portar o brazalete durante o encontro, tamén regala unha réplica ao equipo rival antes do arranque do mesmo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora