O Pontevedra Club de Fútbol recibirá ao Real Avilés no Municipal de Pasarón este sábado ás 18:30 na última xornada de liga de Primeira Federación.
Rubén Domínguez analizou en rolda de prensa un encontro que será determinante para ambos os dous equipos xa que os granates se xogan entrar no play-off e o cadro avilesino, doutra banda, terá en xogo a permanencia.
O técnico do conxunto lerezano puxo en valor a situación de privilexio na que se atopan xa que afrontan a última xornada co equipo "xa clasificado para a Copa do Rei, salvado desde hai moitas semanas e dependendo de nós mesmos para xogar un playoff de ascenso ao fútbol profesional", algo impensable ao comezo da tempada.
É por iso que afrontan o encontro "coa moral polas nubes" e coa novidade de Eimil, que "volve como Álvaro hai dúas semanas, fixo por primeira vez hoxe o adestramento completo, poderiamos recorrer a el". Tanto o propio Álvaro Pérez como Garay "xa están perfectos" e a mala noticia chega coa dúbida de Álex González xa que "levou un golpe, o cal o ten bastante limitado, pero tamén vai ir convocado".
En resumo, e tendo en conta a baixa de Miguel Cuesta por sanción, "a priori estamos os 21 convocados, un tocado, outro saíndo de lesión e os outros 19 perfectos".
A ausencia do xogador asturiano é precisamente unha das peores noticias que deixou a derrota da semana pasada fronte ao Tenerife. Cuesta foi expulsado por dobre amoestación e, en relación ao posible substituto para este sábado, Domínguez explicou que "pode ser calquera dos que xogaron aí durante esta tempada".
Afirmou o adestrador ourensán que os días previos ao partido pasounos "coa normalidade de todas as semanas". En relación a isto, Rubén Domínguez detallou: "Vivín por sorte ou por desgraza, falo a título persoal, dous play-out polo descenso, vivín ascensos e vivín tamén algunha promoción de ascenso".

Nese sentido, o técnico asegura que non é comparable o sufrimento de loitar por manter a categoría que por un play-off de ascenso: "Pasounos en dous play-off de descenso co Ourense que libramos, e asegúrovos que aí pasas as semanas que non dormes, que lle dás voltas, que parece que todo o que pode saír mal sale peor". Doutra banda "aquí é todo o contrario, no peor dos casos, se todo salgue mal, imos clasificarnos para Copa do Rei"
Precisamente o primeiro escenario é no que se atopa o Real Avilés, que pode descender a Segunda RFEF en Pasarón no caso de perder e darse certos resultados nos partidos dos seus rivais directos.
O conxunto de Lolo Escobar é, con 65 goles en contra, o equipo máis goleado da categoría. Compénsao a súa faceta ofensiva con "xogadores como Álvaro Santamaría ou Uzkudun", pois tamén son unha das escuadras máis goleadoras do grupo.
Con todo, Domínguez ten claro que só pensa no seu equipo e que "mañá non nos vai a valer outra cousa que non sexa gañar o partido. Nós temos que saír a madurar o partido e gañalo".
"Hai que ser estables durante todo o partido, sabendo que unha das nosas fortalezas é encaixar pouco e conceder pouco, e que outra das nosas fortalezas é xerar moito en Pasarón". detallou.
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Rolda de prensa de Rubén Domínguez previa ao partido ante o Real Avilés
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) May 22, 2026
“No tenemos absolutamente nada que perder”
🔗 https://t.co/H1jyu43Bkd#𝐆𝐑𝐀𝐍𝐀𝐓𝐄®️♥️#PrimeraFederacion | #VersusELearning
Recalcou que deixar a portaría a cero este sábado sería moi importante xa que nos últimos partidos "sempre fixemos gol". Deste xeito, unha das claves para lograr o obxectivo é "facer un partido moi incómodo para o Avilés, e que nós vaiamos con esa ilusión de todo o que temos que gañar, non con medo a nada".
"Nós temos que ir con ilusión, sendo responsables, porque sabemos que xogamos coa ilusión de toda unha cidade, de toda unha comarca, coa ilusión de todo un club", engadiu o técnico ourensán.
Rubén Domínguez fixo un matiz importante neste sentido ao aclarar que "ten que ser ilusión e non presión, a presión era salvar a categoría".
O factor Pasarón entrará en xogo xa que todo apunta a que se vivirá unha das mellores entradas da tempada, si non a mellor. "Teño moi bo recordo de todas esas grandes entradas de Pasarón e esperemos que sigamos a xeira", concluíu o técnico do conxunto granate.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.