A localidade coruñesa de Cambre puxo a fin de semana o punto e final a unha apaixonante tempada para o ciclocrós autonómico coa celebración do Campionato de Galicia, unha cita na que brillaron dous nomes propios como son Lorena Patiño e Miguel Rodríguez.
A ciclista marinense do XSM, a pesar de ser de idade júnior, foi a dominadora da proba elite e sub-23 feminina para levar o seu primeiro título galego absoluto, poñendo a guinda na que dominou a Copa de España da súa categoría e na que sumou unha importamte experiencia internacional.
Patiño marcou o ritmo da carreira sen que ninguén puidese seguila, chegando en solitario a meta con 40 segundos de vantaxe sobre Carla Fernández e 59 sobre Laura Mira (Farto), que revalidou o título en idade sub-23 con Uxía Soto (Froiz) tras ela.
Pola súa banda en categoría júnior, co ouro tamén para Patiño, o podio completárono Aroa Otero (Froiz) e Marta Estévez (XSM) no segundo e terceiro lugar respectivamente.
No que respecta a a carreira elite e sub-23 masculina, Miguel Rodríguez deulle ao Supermecados Froiz o campionato ao vencer cunha importante renda de máis dun minuto sobre Anxo Carril, que estreaba ademais as cores do equipo pontevedrés. Terceiro en meta e campión elite foi Saúl López (Academia Postal-Maceda).