Lores confirma a aposta de Pontevedra polo taekwondo: "temos a intención de traer un evento importante"

Pontevedra
07 de maio 2013

O alcalde recibe a Miguel Cortegoso, presidente do Mace Sport. Cortegoso confirma que intentarán que Pontevedra se converta en sede dun Open Clase A, competición que reúne os mellores taekwondistas mundiais

A intención inicial era solicitar a organización dun campionato de España de taekwondo en Pontevedra, tal e como adiantou PontevedraViva, pero as boas sensacións coas que a expedición do Mace Sport regresou de Alicante, onde o club lerezano recibiu o Premio Nacional deste deporte e a medalla de bronce ao mérito deportivo para o seu presidente, Miguel Cortegoso, fixeron que os obxectivos sexan aínda máis ambiciosos.

A pesar de que o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que se desprazou coa expedición pontevedresa, non tivo a oportunidade pechar ningún acordo, a idea agora é albergar un Open Internacional Clase A, unha competición de máximo nivel e na que se reúnen os mellores deportistas do Mundo en busca de puntos para mellorar o seu ránking, segundo recoñeceu o propio Cortegoso, "o mellor sería un Open Clase A porque quedaría aquí de por vida, esteamos nós no club ou non, un campionato de España ou Europa é algo puntual dun ano".

Na actualidade existen oito probas desta categoría no calendario internacional, unha delas en España, en La Nucia, nas modalidades de técnica e combate e coa presenza de preto de 3.000 competidores, entre eles todos os que disputaron os últimos Xogos Olímpicos.

Fernández Lores confirmou que iniciará os contactos coa Federación Española nos próximos días, "mandarei unha carta ao presidente para coñecer as posibilidades que existen de organizar campionatos xa para o próximo ano". O alcalde capitalino asegurou sentirse orgulloso do labor que está a realizar o Mace Sport e que agora foi premiado a nivel nacional.