Louzán sopesa presentarse á presidencia da Federación Galega de Fútbol

Pontevedra
25 de setembro 2014

O presidente da Deputación de Pontevedra recoñece que varios clubs da provincia lle formularon esta "proposta que vou a estudar en profundidade", manifestou. Aspira a suceder ao actual presidente federativo á súa vez alcalde de Cerceda, José García Liñares

En presenza de Cholo, Rafael Louzán fai entrega ao capitán do Deportivo, Laure, do Trofeo Luis Otero Diego Torrado

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, medita a opción de presentarse á presidencia da Federación Galega de Fútbol, cargo que ocupa actualmente o alcalde de Cerceda, José García Liñares.

O propio Louzán recoñeceu este xoves que varios clubs da provincia lle formularon esta proposta "que vou estudar en profundidade", sinalou o dirixente.

As eleccións terán lugar no mes de decembro, pero as candidaturas deben presentarse antes de 9 de outubro. Ese é o prazo que Louzán ten para decidir se dá o paso e aumenta a súa ampla relación co mundo do deporte e co fútbol en particular.

Rafael Louzán: "Hai miles de licenzas e moitas cousas por facer"

Preguntado ao respecto o presidente provincial sinalou a importancia de que "o futbol galego teña a mellor representación posible, hai miles de licenzas e moitas cousas por facer".

A intención dos clubs que apoian a opción de Louzán é contrarrestar o poder que exerce actualmente a zona norte de Galicia malia ser Pontevedra a que máis licenzas achega e a que ten o maior número de representantes na asemblea da Federación Galega.

Este cargo sería compatible coa súa ocupación política, do mesmo modo que García Liñares, que ten a intención de presentarse á reelección, segue sendo alcalde de Cerceda.

Outro candidato que xa confirmou a súa intención de acceder á presidencia do fútbol galego Juan Vázquez, o que foi vicepresidente con García Liñares pero que dimitiu por discrepancias na súa xestión.