Encabeza o ranking nacional na categoría de combate no peso de -67 quilos, pero aínda lle falta moito para lograr a súa meta, clasificarse para os Xogos Olímpicos de Río 2016.
Lúa Piñeiro (Natural Sport) será unha das principais bazas locais no Open de España de Taekwondo que se disputará dende este venres en Pontevedra coa presenza dalgúns dos mellores especialistas a nivel mundial, atraidos pola catalogación da proba como de categoría GR-1.
Lúa Piñeiro: "Compráceme poder celebrar un campionato de tal calibre na miña cidade"
A taekwondista caldense asegura compracerse de "poder celebrar un campionato de tal calibre na miña cidade", no que ve como "unha oportunidade para dar a coñecer dunha vez por todas o noso deporte".
Competir ante os seus servirá de motivación nun torneo no que deberá enfrontarse á número un do ranking olímpico, Elin Johnson, ou ás representantes de "Eslovenia, Exipto e Costa de Marfil entre outras, que tamén están dentro das 32 mellores do ranking, sen esquecer as españolas," o que converte a competición en "interesante e dura dende o primeiro combate".
O Open de España iniciarase este venres no Pavillón Municipal dos Deportes coas modalidades de técnica, freestyle e exhibición prolongándose ata o domingo, cando se celebrará a modalidade máis esperada, a de combate, nun aperitivo do inminente Campionato do Mundo.
Así enténdeo tamén Lúa Piñeiro, que asegura ir "a polo ouro" aínda que "a verdade é que o Open chega nun período de moita carga, pois nun mes temos o Mundial e para iso traballamos, pero poñeremos toda a carne no asador", sinalou a deportista de Caldas de Reis nas horas previas ao torneo.