Espectacular peche do Open de España de Taekwondo no Pavillón Municipal dos Deportes.
Tras dous días de competición este domingo era a quenda do prato forte, a modalidade de combate absoluta, catalogada de categoría GR-1 e puntuable para o ranking mundial coa presenza de 400 deportistas.
Galicia sumou nesta xornada catro medallas, todas elas de bronce, entre as que se encontran as meritorias preseas da caldense Lúa Piñeiro (Natural Sport) e a marinense Katya Calvar (Mat's) en -67 quilos.
Lúa superou con facilidade a primeira rolda ante a balear Leonor García (23-4) e sufriu nos cuartos de final para impoñerse en e punto de ouro á británica Lauren Williams (1-0) antes de perder en semifinais ante eslovena Franca Anic (4-0), que despois se levaría o ouro.
Pola súa banda Katya superou unha difícil proba na primeira rolda ante a costarriqueña Katherine Alvarado (1-0). Ademais gañou claramente a Laura Sáez (10-0) en cuartos para perder despois na penúltima eliminatoria ante a exipcia Seham Elsawalhy (6-9).
Os outros bronces foron para Adrián Jiménez (Natural Sport) en -57 quilos e Sabela López (Patiño) en -73 quilos.
En canto aos medallistas olímpicos Joel González e Brigitte Yagüe, ambos os dous cumpriron os prognóstico proclamándose vencedores nos seus respectivos pesos.