Lúa Piñeiro cae en primeira rolda do Mundial de taekwondo en Rusia

Umia
14 de maio 2015

A deportista caldense ve freadas as súas aspiracións ao non poder superar á marroquí Hakimo El Meslahy nun apertado combate

Lúa Piñeiro en Chelyabinsk (Rusia)
Lúa Piñeiro en Chelyabinsk (Rusia)

Duro golpe ás aspiracións de Lúa Piñeiro, que confiaba en lograr un bo número de puntos para o ranking olímpico no Campionato do Mundo de taekwondo que se está a celebrar na localidade rusa de Chelyabinsk.

A deportistas caldense do Natural Sport despediuse da competición ás primeiras de cambio ao caer en primeira rolda (-67 quilos) ante a marroquí Hakimo El Meslahy.

Lúa contou con opcións nun duro combate que se decidiu no último asalto por 2-0.

Malia a decepción a taekwondista galega xa pensa en novos retos e competicións nas que sumar os puntos necesarios que a acheguen a Río 2016, o seu principal obxectivo.

O Mundial de Chelyabinsk pon en xogo 120, 72 e 43,2 puntos respectivamente para os tres primeiros clasificados, e cifras máis modestas para o resto en función das roldas que cada deportista avance.