Unha semana de ouro para Lúa Piñeiro

Umia
09 de setembro 2015

A deportista caldense dá un importante paso na súa carreira olímpica ao impoñerse, en só unha semana, en dous open de taekwondo de categoría G-1, en Polonia e Israel

Lúa Piñeiro (dereita) coa medalla de ouro lograda no Open de Polonia
Lúa Piñeiro (dereita) coa medalla de ouro lograda no Open de Polonia / Federación Española de Taekwondo

Importante paso para Lúa Piñeiro na súa carreira cara aos Xogos Olímpicos de 2016 despois dos seus inmellorables resultados nas últimas compeiticiones internacionais.

A deportista caldense sumou, en só unha semana, dúas medallas de ouro en senllos open de taekwondo de categoría G-1, o que lle supoñerá un empuxón no ranking olímpico.

Lúa venceu hai unha semana en Polonia tras superar a representante de Finlandia por 13 a 1 en primeira rolda e dúas representantes alemás en semifinais e final por 14 a 2 e 11 a 1 respectivamente.

Coa moral polo alto tras esta medalla, Lúa desprazouse a Israel, onde repetiu resultado ao gañar o seu primeiro combate contra a representante rusa (5-3), no segundo á alemá e medallista mundial Helena Fromm (8-1) e na final á deportista ucraína grazas ao punto de ouro.

En cada unha destas competicións Lúa Piñeiro sumou 10 puntos que lle achegan ao obxectivo de Río 2016.