A segunda incorporación do Poio Pescamar de cara á próxima tempada en Primeira División garda un significado especial no aspecto emocional.
E é que Lucía Gómez 'Luci' volverá vestirse de vermello na Seca tres anos despois da súa saída do club para vivir a súa segunda etapa como xogadora do cadro conserveiro. A coruñesa chega procedente da A.E Lles Corts de Barcelona, equipo co que gañou dúas Copas Catalunya.
A primeira etapa de Luci no Poio foi enormemente exitosa, pois a á zurda consagrouse como unha das xogadoras máis destacas da entidade poiense tras cen partidos defendendo a camiseta vermella.
Ao longo deses anos gañou unha Copa Galicia e foi subcampioa nas primeiras finais do club de Copa e Supercopa de España.
Ao seu palmarés hai que sumar unha liga de Primeira División co Burela, un título de Copa de España co Ourense en 2017, un subcampeonato da Copa Libertadores co Racing Club de Avellaneda en 2024 e un tricampeonato de Europa coa Selección Española.
Luci convértese na segunda fichaxe da tempada tras a incorporación de Laura Sánchez á disciplina conserveira.

RENOVACIÓN DE YANIRA
Nas últimas horas tamén se fixo oficial a renovación da gardameta Yanira, que seguirá compartindo portaría con Elena até, polo menos, 2028.
A lucense demostrou ser unha porteira de garantías na pasada tempada tras suplir a Elena en catro xornadas consecutivas nas que irrompeu con forza ao realizar varias intervencións de mérito.
A internacional con España Sub17 disputou un total de sete encontros en liga e deixou a portaría a cero fronte a rivais de entidade como o LBTL Futsal ou o Alcorcón. Presente e futuro para a portaría do Poio Pescamar