Luis López-Tulla renova como adestrador do Poio Pescamar para as dúas próximas temporadas

Poio
29 de maio 2024

A entidade conserveira anunciou este mércores a renovación por unha tempada máis do seu adestrador, a tres días de afrontar o primeiro encontro do play-off polo título de liga

Partido de liga entre Poio Pescamar e Móstoles na Seca
Partido de liga entre Poio Pescamar e Móstoles na Seca / Cristina Saiz

O proxecto deportivo do Poio Pescamar seguirá estando liderado desde o banco por Luis López-Tulla.

A entidade conserveira confirmou este mércores a renovación, para as dúas próximas tempadas, do seu adestrador. 

Fíxoo a tres días de afrontar o primeiro partido do play-off polo título de liga en Burela, evidenciando a confianza plena no técnico máis aló dos resultados.

"Cumpriu cos obxectivos nos dous cursos que leva aquí, selándoos como os mellores da nosa historia", afirman desde o Poio Pescamar. Non en balde co madrileño no banco asinou no curso 22/23 o segundo posto na liga regular, e esta campaña concluíu co equipo en cuarta posición volvendo repetir presenza na fase final polo campionato de liga.

Desde a súa chegada ao pavillón da Seca, Luis López-Tulla dirixiu 73 partidos oficiais do Poio Pescamar, cunha bagaxe de 46 triunfos, 13 empates e 14 derrotas. Números que confirman o paso adiante dado polo conxunto conserveiro.