Luisito e o Arosa separan os seus camiños

O Salnés
30 de maio 2024

O técnico de Teo non continuará dirixindo o conxunto arlequinado tras a eliminación sufrida na fase de ascenso a Segunda RFEF, poñendo fin a unha etapa de máis de dúas tempadas na Lomba

Luisito, no banco da Lomba
Luisito, no banco da Lomba / Cristina Saiz

A etapa de José Luis Míguez 'Luisito' no banco do Arosa chegou ao seu fin.

O club arlequinado confirmou este xoves que o técnico de Teo non continuará no equipo a próxima tempada, poñendo así fin a máis de dúas campañas na Lomba.

Luisito aterrou no Arosa en abril de 2022, co equipo loitando por salvar a categoría en Segunda RFEF. Non o logrou pero asumiu o reto de tentar devolver o equipo a esa división. 

No seu primeiro intento, e tras loitar co Fabril ata a última xornada pola praza de ascenso directo, terminou cedendo na última eliminatoria do play-off fronte ao Racing Villalbés. Esta campaña pola súa banda o primeiro posto quedou lonxe, pero si repetiu presenza na fase de ascenso sendo eliminados pola UD Ourense.

"O Arosa agradécelle o seu traballo e compromiso en todo este tempo e deséxalle sorte no futuro", sinala a entidade da Lomba tras facer oficial a saída de Luisito.