O Pontevedra prepara o partido da próxima xornada fronte ao Oviedo B coa convicción de frear un refacho de dúas derrotas consecutivas. No vestiario granate son conscientes da importancia do choque, pero desde o corpo técnico prefiren huír do nerviosismo e fan un chamamento á tranquilidade.
"O que vai facer boa tempada é o que mantén a calma. Non queremos a terceira derrota seguida para que haxa tranquilidade e confianza no traballo que estamos a facer", confesa o adestrador, Luismi Areda.
A pesar da mala serie do equipo, o preparador vigués prefire evitar as mensaxes alarmistas que comezan a asolagar as redes sociais. "Levamos cinco xornadas, non hai que volverse tolos. Isto é unha carreira de fondo. Cando un equipo traballa e vese que no campo fai cousas ben con balón e sen balón hai que confiar. Ninguén nos pasou por encima", remarca.
Tampouco está preocupado o técnico polas ocasións de gol desperdiciadas polos seus nos últimos partidos. "O equipo ten gol", asegura Luismi mencionando a xogadores de contrastada capacidade anotadora como Álvaro Bustos, Javi Pazos, Adighibe, Pedro Vázquez ou Romay, que "desde segunda liña pode facer os seus goles".
Neste sentido referiuse á seca que atravesa o dianteiro nixeriano que chegou este verán a Pasarón e sobre a que el mesmo se pronunciou nas súas redes sociais cunha mensaxe de paciencia. "Os dianteiros viven do gol e senón o fan métense máis presión, pero non o vexo desquiciado. Ademais de marcar, teñen que facer outro traballo. Se tamén dan asistencias ou xeran espazos para os seus compañeiros, moito mellor", explica Areda.
Tampouco se sente cuestionado o adestrador granate, quen pon en valor o traballo dos seus xogadores no último partido disputado en Pasarón.
"Se fago unha análise frío, o Pontevedra mereceu gañar. O equipo tería mérito para facer que o líder da categoría, co orzamento e plantel que ten, non parecese tan forte como aparentaba", recalca o adestrador vigués, quen asegura que hai diferentes maneiras de caer e prefire "perder agora así porque sei que a longo prazo nos vai a dar máis vitorias que derrotas".
Neste sentido, tamén valorou o temor do Atlético Baleares a perder, que nos últimos minutos plantou unha defensa de cinco porque "vían que perdían ese punto que tiñan".
CAMPILLO, ÚNICA BAIXA
Para a próxima visita ao filial do Oviedo, só haberá unha baixa no persoal. A de Campillo que padece "unha rotura fibrilar de grao 1 no bíceps femoral esquerdo. Seguirá tratamento médico e rehabilitador", recolle o comunicado dos servizos médicos granates. "Terao dez ou quince días fóra", engadiu Luismi.
Pola contra, o lateral Nacho López xa deixou atrás os problemas musculares que lle impediron participar nas dúas últimas xornadas. Tamén segue collendo ritmo de competición o hondureño Mejía. "Está a facer traballo extra e cada vez está mellor. Con balón xa se lle ve con outro ritmo. Estamos contentos porque é un futbolista que o trouxemos para que nos achegue. Primeiro hai que poñelo ben fisicamente e xa logo terá opcións de xogar", matiza o adestrador.
Outro que tampouco está a gozar de moitos minutos neste arranque ligueiro por problemas físicos e decisións técnicas é o extremo Javi López. "Vén de sete meses parado, necesita coller forma, confianza e ritmo de entrenos. Vai achegar moito, pero necesitamos tempo. Aínda non foi o seu momento, que vai chegar seguro", explica Luismi.
Un que xa está asentado na posición de lateral esquerdo é Álex González. "Dános esa tranquilidade e estabilidade para xogar balón e incorporarse ao ataque. Tamén ese grao de experiencia e madurez que necesitamos agora mesmo para esa posición. Esta rendendo a bo nivel e hai que aproveitar o seu bo momento de forma", sinala o técnico.
Pola contra, a participación de Jaouad Erraji no flanco contrario vea como "circunstancial" e pide tempo para que a última incorporación mostre o seu verdadeiro nivel. "Aos poucos vainos a dar máis, ten potencial", asegura o adestrador do Pontevedra.