Luns 29 de novembro, data de inicio para a reforma do segundo campo de fútbol da Xunqueira

Pontevedra
23 de novembro 2021

"Se a meteoroloxía e as subministracións permíteno, as actuacións poderían estar finalizadas en menos de dous meses, cara a febreiro ou marzo", confirma o concelleiro de Deportes, Tino Fernández

Campo de herba sintética da Xunqueira
Campo de herba sintética da Xunqueira / Concello de Pontevedra

A Concellería de Deportes de Pontevedra confirmou a data de inicio para a renovación do céspede sintético do segundo dos campos de fútbol 11 do Complexo Municipal Manolo Barreiro, na Xunqueira.

Os traballos, adxudicados á empresa Limonta Sport Ibérica SLU cun orzamento de 285.773,04 euros, darán comezo o vindeiro luns 29 de novembro, o que obrigou a recolocar noutras instalacións aos equipos da cidade que adestraban e disputaban competicións neste campo.

"Se a meteoroloxía e as subministracións permíteno, as actuacións poderían estar finalizadas en menos de dous meses, cara a febreiro ou marzo", confirma o edil de Deportes, Tino Fernández.

Tal e como sinala o concelleiro "o campo de fútbol Xunqueira II foi inaugurado en setembro de 2008 e debido ao tempo transcorrido, próximo aos doce anos, e ao seu intenso uso, ten esgotada a súa vida útil presentando na actualidade unhas condicións que fan necesaria a súa substitución por outro de última xeración".

Segundo confirmou o concelleiro "os clubs xa se atopan recolocados noutros campos de fútbol", nunha repartición que se comunicou durante este luns, afirmando que "as obras de renovación do céspede serán as que se realicen con maior urxencia", deixando para o final as melloras relativas á iluminación co obxectivo de que o campo poida volver utilizarse canto antes.