É un camiño complicado pero Lydia Pérez Touriño non renuncia aínda ao soño de estar nos Xogos Olímpicos de Río 2016.
A deportista pontevedresa atópase desde o pasado luns 22 de febreiro participando na concentración preolímpica nacional de loita no Centro de Alto Rendemento de Madrid.
O primeiro paso para a representante do Club de Loita Pontevedra será conseguir entrar no equipo nacional para o primeiro torneo de clasificación para Río, en Zrenjanin (Serbia), algo para o que se terán en conta os resultados dunha concentración que se prolongará ata o 4 de marzo, segundo explicou a Federación Galega de Loitas Olímpicas.
Lydia, aínda deportista en idade sub-23 e que compite na categoría de 58 quilos, ten tamén como obxectivo para esta tempada realizar un bo papel no Campionato de Europa da súa idade, que terá lugar na localidade búlgara de Rousse do 22 ao 27 de marzo.
Xunto á pontevedresa outros dous loitadores galegos acudiron á concentración nacional. Trátase de Noelia Lalín (Keltoi de Vila de Cruces) e Damián Igrexas (Clob Loita Touro).