Os cuartos de final foron o tope de Lydia Pérez Touriño no Campionato de Europa de Loitas Olímpicas que se disputa na localidade italiana de Ostia di Lido, en Roma.
A deportista pontevedresa cedeu este xoves nesa rolda no cadro principal do torneo feminino, na categoría de -62 quilos, e queda agora a expensas da repesca prevista para este venres día 14, na que poderá pelexar por conseguir unha medalla de bronce continental.
Lydia iniciou a súa participación no Europeo con nota, superando con solvencia á lituana Kornelija Zaicevaite (14-3).
Así avanzou ata a rolda de cuartos de final, na que se enfrontou á rusa Inna Trazhukova, que posteriormente chegaría á gran final e que a superou por un tenteo de 0-6.
A cita continental supoñía unha proba do nivel e estado de forma da representante do Club de Loita Pontevedra, que ten previsto pelexar polo pasaporte olímpico nos torneo clasificatorios para Tokyo 2020 que terán lugar en marzo en Budapest e os primeiros días de maio en Sofía.