O Campionato do Mundo de Loitas Olímpicas que se está celebrando na localidade serbia de Belgrado terminouse ao primeiro de vez para Lydia Pérez Touriño.
A deportista pontevedresa acudía á cita reforzada polos seus últimos resultados internacionais, con senllos bronces nos Xogos do Mediterráneo e no Gran Premio de España, pero tivo que enfrontarse a un duro sorteo no cadro da categoría de 62 quilos.
No seu primeiro combate debía enfrontarse este luns á sueca Sara Johanna Lindborg, número 8 do ranking mundial e medallista continental en 2020. Unha deportista á que coñecía ben tras participar en varias concentracións de preparación no país nórdico, a última hai escasas semanas.
O tenteo (7-0 para Lindborg) non permitiu á deportista do Loita Pontevedra progresar no cadro.
Tampouco a repesca foi unha opción, xa que Lindborg foi eliminada en oitavos de final ante a alemá Niemesch, subcampioa do último Europeo.