Lydia Pérez participa en Berlín nunha importante concentración internacional de loita feminina

Pontevedra
12 de novembro 2019

A deportista pontevedresa, xunto ás tamén galegas Nerea Pampín e Nerea Iglesias participan estes días nunhas xornadas de adestramento organizadas pola Federación Alemá de Loita e que reúnen a  algunhas das mellores loitadoras internacionais júnior e sub-23

Nerea Iglesias, Nerea Pampín e Lydia Pérez Federación Galega de Loitas Olímpicas

Berlín acolle estes días unha importante concentración de loita libre feminina na que participará Lydia Pérez Touriño.

Trátase dunhas xornadas de adestramento e convivencia internacional organizadas pola Federación Alemá de Loita co obxectivo de reunir a algunhas das mellores deportistas júnior e sub-23 de diferentes países.

No caso da pontevedresa, habitual en competicións internacionais tanto sub-23 como absolutas, esta cita supón unha boa oportunidade para prepararse con algunhas das súas principais rivais.

Ademais de Lydia Pérez, Galicia conta con outras dúas representantes sendo todas elas as únicas loitadoras nacionais convidadas. Trátase de Nerea Pampín (Club Keltoi de Vila de Cruces) e Nerea Iglesias (Escola Ayude de Santiso), ambas as dúas bolseiras no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Esta concentración, que comezou este luns 11 de novembro e prolongarase ata o día 15, forma parte da preparación das tres galegas para o Campionato de España por Comunidades Autónomas que terá lugar a fin de semana en Madrid.