Lydia Pérez ponse a proba nas primeiras competicións internacionais da tempada

Pontevedra
16 de xaneiro 2025
Actualizado: 12:41

A deportista pontevedresa, que esta tempada estableceu a súa base de adestramento en París, ten previsto participar en dous torneos internacionais en Niza e en Bulgaria

Lydia Pérez, durante una competición internacional United World Wrestling

Tras moitos anos adestrando en Pontevedra, Lydia Pérez decidiu no verán dar un xiro á súa carreira deportiva mudándose a Francia co obxectivo de elevar o seu nivel de adestramentos e aumentar a súa presenza en competicións internacionais.

Agora traballa a diario no INSEP de París, un centro ao que acoden deportistas de numerosos países durante todo o ano.

"O nivel de adestramento no INSEP de Paris, con numerosas sparrings internacionais, é brutal", recoñeceu a pontevedresa á Federación Galega de Loita.

Por iso, tras varios meses xa de preparación "agora queda plasmar esa melloría nas competicións e facer historia cun gran resultado", afirma.

Con ese obxectivo a deportista do Club Loita Pontevedra acudirá este mes de xaneiro a dúas competicións de nivel internacional nas que tentar medir a súa progresión.

Por unha banda ten previsto participar do 17 ao 19 de xaneiro no Torneo Internacional Henri Deglane en Niza, na que tamén estarán coa Selección Española outros dous galegos como Nerea Pampín (Keltoi Vila de Cruces) e Saúl Bello (Club San Ignacio de Vigo).

Unha semana despois Lydia viaxará a Bulgaria para tomar parte do prestixioso Torneo Internacional Dan Kolov, que se disputará entre os días 24 e 26 de xaneiro.

Toda unha oportunidade de empezar a lograr os resultados destacados que está decidida a conseguir a loitadora pontevedresa.