Maio, mes clave para o futuro do Teucro

Pontevedra
03 de maio 2018

A directiva do club pontevedrés quere deixar encarrilada a configuración do plantel do próximo ano antes de que os xogadores marchen de vacacións a finais do presente mes. É a data marcada para deixar atado por unha banda o novo corpo técnico e por outro a columna vertebral do equipo

Quique Domínguez abrázase con directivos do Teucro tras anunciar a súa despedida
Quique Domínguez abrázase con directivos do Teucro tras anunciar a súa despedida / Miguel Álvarez

Unha vez confirmada a saída de Quique Domínguez tras catro tempadas como máximo responsable deportivo do equipo, a directiva da Sociedad Deportiva  Teucro traballa xa na planificación da próxima tempada, na que volverá competir na Liga Asobal.

A intención dos dirixentes é deixar case pechada a estrutura do equipo antes de que finalice este mes de maio, é dicir, confirmar o novo corpo técnico e a columna vertebral do plantel, na que se espera reter ao máximo de xogadores posibles.

En canto ao primeiro, personalizado na figura do adestrador, dúas son as opcións que conta o club sobre a mesa, a de apostar pola opción de casa personalizada en Luís Montes, actual segundo adestrador e responsable do filial de Primeira Nacional, ou buscar un técnico con experiencia na máxima categoría.

Por outra banda, xa se deron os primeiros pasos na configuración do equipo, falando cos xogadores que, por contrato, contaban cunha opción de prórroga que vencía co mes de abril. É o caso dos laterais Andrés Moyano, Bruno de Castro e Rial e tamén do pivote Samu Gómez.

Con respecto ao resto do plantel, será da man do novo adestrador cando se intensifique a rolda de contactos, pero a intención é lograr a continuidade de boa parte dos actuais membros do equipo.

Nesa lista non estarán xa con seguridade dous dos pesos pesados desta tempada. Yoan Balázquez, unha das revelacións do ano en Asobal, ten contrato en vigor co Porto e adquiriu un gran cartel que dificulta a súa continuidade na Boa Vila, mentres que no de Borja Méndez, que declinou a opción de negociar co Teucro, o seu destino apunta ao Anaitasuna navarro.

Un mes por tanto de intensa actividade nos despachos para deixar encamiñado o próximo proxecto azul, aínda que a guinda poñerana máis adiante as fichaxes que, agardan, acheguen o salto de calidade necesario para volver pelexar con garantías pola permanencia.