O Teucro fai oficial a elección de Luis Montes como adestrador do primeiro equipo

Pontevedra
04 de maio 2018

O técnico pontevedrés, ata agora segundo adestrador ás ordes de Quique Domínguez e responsable do filial de Primeira Nacional, afrontará así a súa primeira experiencia ao mando dun equipo da Liga Asobal

Luis Montes e Quique Domínguez, nun adestramento do Teucro no Municipal no curso 17/18
Luis Montes e Quique Domínguez, nun adestramento do Teucro no Municipal no curso 17/18 / Mónica Patxot

A Sociedad Deportiva Teucro aposta pola opción da casa para substituír a Quique Domínguez á fronte do primeiro equipo, que volverá competir na máxima categoría.

O club fixo oficial este venres a elección de Luís Montes como máximo responsable do plantel para a próxima campaña. O ata agora axudante de Domínguez e responsable do filial de Primeira Nacional afrontará así a súa primeira experiencia ao mando dun equipo da Liga Asobal.

"Es un orgullo y una alegría grande en primer lugar entrenar el Liga Asobal y en segundo lugar que sea en el Teucro", recoñeceu o pontevedrés "muy ilusionado" de poder dirixir ao equipo da súa cidade.

Montes foi xogador da base teucrista desde os 13 anos, pasou unha etapa como adestrador de categorías inferiores e agora era un dos máximos responsables técnicos da entidade, en concreto das súas categorías inferiores.

Aínda que se trata, asegura, de "algo inesperado", afronta con ganas o reto, pero antes concluirá a tempada actual no rol que veu desempeñando de segundo adestrador. No que si pode xa empezar a involucrarse é na planificación do próximo curso, pensando nas renovacións dos actuais membros do primeiro plantel que se queren deixar atadas antes de que finalice este mes de maio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora