RADIO.- A playlist de... Luís Montes, o deporte e o ámbito social 'Xuntos' no seu camiño

Pontevedra
16 de xuño 2018

Luís Montes Pallares foi chamado a adestrar ao primeiro equipo da Sociedade Deportiva Teucro; PontevedraViva Radio chamouno para poñer nome a unha  Playlist. Este último non era o seu soño de mocidade lóxicamente, vivir a experiencia do deporte profesional si

Luis Montes, adestrador do Teucro na Playlist
Luis Montes, adestrador do Teucro na Playlist / Mónica Patxot

De neno probou o fútbol, o fútbol sala, o baloncesto, o taekwondo, a natación... pero foi o balonmán o deporte que o escolleu e ao que vén dedicando, como xogador e como adestrador, boa parte da súa vida. Luís Montes ten por diante desde o pasado maio unha nova responsabilidade: ser o adestrador do primeiro equipo da Sociedade Deportiva Teucro. Un exercicio que lle obrigará a tomarse unha excedencia na súa outra vocación profesional, a de pedagogo, que exerce desde hai doce anos coa Asociación Síndrome de Down, Xuntos.

A infancia ten polo menos tres referencias, a de Porriño, onde a familia Montes Pallares trasladouse por destino laboral do seu pai; Pontevedra e Lalín, onde pasaba xunto aos seus avós maternos o verán. Chegados ao momento universitario, o periplo de Luís era de ida e volta diaria para compaxinalo co balonmán e co seu primeiro emprego, como repartidor de pan, durante o último curso.

Tivo - xeográficamente - unha paréntese durante dous anos en Ciudad Real, pero a 'morriña' devolveuno a Pontevedra. "Na Base o deporte é máis deporte" sinala nesta Playlist, un profesional curtido no traballo cos máis pequenos. Un tipo moi reflexivo, esixente consigo mesmo, á vez que co toque de indulxencia necesario.

Fai tres anos chegou un novo ciclo de vida con Gael, o seu fillo que xa anda entre balóns, pero está por determinar se polos de fútbol ou os de balonmán. O pai está a portas dos 38 anos, e recoñécese en PontevedraViva Radio como unha persoa que non fai plans a longo prazo. De momento xa cumpriu a aspiración de mocidade:  "vivir a experiencia do deporte profesional".