Sergio Pérez e Domingo Luis, fichaxes de futuro para o Teucro

Pontevedra
16 de xuño 2018

O club pontevedrés anunciou a dobre incorporación do central madrileño Sergio Pérez e do lateral andaluz Domingo Luis, ambos os dous internacionais españois nas categorías inferiores e que compaxinará o filial de Primeira Nacional co primeiro equipo de Liga Asobal

Sergio Pérez, nun partido coa Selección Madrileña
Sergio Pérez, nun partido coa Selección Madrileña / Federación Madrileña de Balonmano

Aposta de futuro da Sociedad Deportiva Teucro, que este sábado confirmou unha dobre incorporación de talento e xuventude.

O club pontevedrés anunciou as incorporacións de Sergio Pérez e Domingo Luis, xogadores internacionais nas categorías inferiores da Selección Española e que chegarán ao Municipal coa idea de compaxinar o filial de Primeira Nacional co primeiro equipo na Liga Asobal.

Sergio Pérez é un central madrileño que chega a Pontevedra procedente do San Sebastián de los Reyes, con quen alternou participacións no equipo xuvenil e na Primeira Nacional, na que anotou 83 goles en 18 partidos.

En canto a Domingo Luis, trátase dun lateral dereito andaluz que a última tempada defendeu as cores do Córdoba Balonmano, tamén na Primeira Nacional, onde participou en 12 encontros.

Tanto Sergio Pérez como Domingo Luis asinan por dúas tempadas e comezarán a pretempada co primeiro equipo ás ordes de Luís Montes.