O teucristas Domingo Luis e Sergio Pérez estarán nos Xogos Olímpicos da Mocidade

Pontevedra
12 de setembro 2018

Os dous xogadores, que chegaron ao club este verán para alternar primeiro e segundo equipo, foron convocados pola Selección Española Xuvenil de balonmán praia que participará na competición olímpica do 6 ao 13 de outubro en Bos Aires

Sergio Pérez, no primeiro adestramento do Teucro 2018/2019
Sergio Pérez, no primeiro adestramento do Teucro 2018/2019 / Mónica Patxot

Dous xogadores da Sociedad Deportiva Teucro competirán na próxima edición dos Xogos Olímpicos da Mocidade, que se celebrarán entre o 6 e o 13 de outubro en Bos Aires, Arxentina.

A Real Federación Española de Balonmán fixo pública este martes a convocatoria do equipo xuvenil de balonmán praia que tomará parte na competición olímpica.

Nela atópanse Domingo Luis e Sergio Pérez, dous das novas promesas que aterraron este verán en Pontevedra para alternar entre o primeiro equipo na Liga  Asobal e o conxunto filial de Primeira Nacional.

Ambos os dous xogadores atópanse na lista de 9 que completan Guillermo García-Cabanas, Pedro Rodríguez, Adrián Bandera, Carlos González, Pau Ferré, David Martínez e Sergio Venegas.

Sergio Pérez e Domingo Luís están citados en Madrid o día 28 de setembro para realizar unha breve concentración ata o 1 de outubro, data na que o Comité Olímpico Español convocou a toda a expedición para emprender o camiño a Bos Aires, polo que causarán baixa no Teucro durante varias semanas.

A Selección Española xuvenil de balonmán praia competirá nos Xogos Olímpicos de Mocidade contra Venezuela, China, Tailandia, Uruguai e Hungría na fase inicial da competición. Os tres primeiros clasificados accederán á ' main  round' xunto cos tres primeiros clasificados do Grupo  B que integran Italia, Arxentina, Portugal, Paraguai, Mauricio e Croacia. Despois, os catro primeiros clasificados accederán á loita polas medallas nas semifinais.