Nin o mal tempo desta fin de semana, que deu un pequeno respiro durante a mañá de competición, desluciu o XV Tríatlon Cidade de Pontevedra.
Máis de 300 atletas gozaron dunha animada xornada deportiva a beiras do Lérez que arrancou coas diferentes categorías da modalidade popular, o YOSITRI impulsado pola Federación Española.
Nas probas de federados, clasificatorias para o Campionato Galego e disputadas en distancia sprint, os gañadores foron Melina Alonso (Triatlon Ferrol) e David Mendoza (Triatlon Arteixo).
Alonso protagonizou un bonito duelo con Joselyn Brea, que foi segunda, mentres a pontevedresa Saleta Castro, especialista na longa distancia, foi terceira.
Na competición masculina Mendoza superou con comodidade a Luis Miguel Velásquez e a Andrés Cendán, segundo e terceiro respectivamente.