Máis de 700 atletas competirán nunha +10 Marín de récord

Marín
27 de xullo 2017

A carreira popular +10 Marín segue gañando adeptos. Un total de 714 atletas confirmaron a súa presenza na proba, que se celebrará este sábado 29 de xullo. Supérase así o anterior récord, establecido en 2014 con 694 corredores

Carreira absoluta da carreira popular +10 Marín 2016

A carreira popular +10 Marín segue gañando adeptos. Un total de 714 atletas confirmaron a súa presenza na proba, que se celebrará este sábado 29 de xullo. Supérase así o anterior récord, establecido en 2014 con 694 corredores.

O programa iniciarase ás 19.30 horas cunha masterclass gratuíta de zumba na Alameda de Marín, que fará as delicias de todos os que non desexen estar parados antes da carreira. Posteriormente, a partir das 21 horas, iniciaranse as carreiras de menores, que serán catro ou cinco dependendo do número de inscritos.

O momento grande da noite vivirase entre as 21.45 horas e as 22 horas, cando se sucederán as homenaxes e o pistoletazo de saída da carreira desde a Avenida Ourense, como vén sendo habitual.

O circuíto desta sexta edición será semellante ao de anos anteriores, coa novidade de que nesta ocasión foi homologado pola Real Federación Española de Atletismo.

Haberá dous cambios: un, por seguridade, que evitará o espigón da Escola Naval; e outro, para axustar o percorrido, realizarase o bypass na rúa Exército e Mariña onde se fai un xiro de 180 graos. A meta seguirá estando situada na rúa Almuíña, moi preto do palco da música da Alameda.

En canto aos dos máis pequenos, nun abanico de 100 a 1.000 metros, realizaranse todas as carreiras na Avenida Ourense, con partida e chegada no arco de saída. 

Unha das grandes novidades da presente edición será o acto solidario patrocinado pola panadería A Devesa. Para poder participar na degustación, todos os participantes deberán entregar un quilo de comida que irá acompañado dunha doazón por parte do patrocinador. A actividade realizarase na alameda Rosalía de Castro.