As praias de Marín acolleron este domingo a segunda edición da Carreira Carmiña, unha proba popular que une deporte, cultura e turismo e que este ano reuniu a máis de 700 participantes.
Acompañados de bo tempo, os corredores saíron ao redor das 10:00 horas da Praia de Lapamán, percorrendo o resto de areais do municipio para finalizar no miradoiro superior do Paseo Alcalde Blanco.
O percorrido tivo unha distancia de 10,6 quilómetros por toda a costa, pasando por encima do mar, zona de terra, asfalto e praia, cos tempos calculados para correr no momento de marea baixa.
O campión da xornada foi Pablo García, do Athletics Fisioterapia, cun crono de 44:19 que lle outorgou a primeira praza. Completaron o podio masculino Gustavo Caballero, do San Miguel de Marín (46:15), e Santiago Piñeiro, do Club Atletismo Samertolameu (47:19).
O mellor tempo feminino marcouno Anaís Rivas, do Tríatlon PC Rías Baixas, que parou o cronómetro en 49:00. Seguíronlle Laura Gallego, do Club Deportivo Delikia (52:37) e Fátima Neira (59:29).
Para os menos esixente, desde o porto deportivo de Aguete partiu a Mini-Carmiña, que constou dunha distancia de 5,6 quilómetros e que tivo como campión a Diego González, do Club Deportivo Pinaruim (20:18). Anxo Otero cruzou a meta 10 segundos despois e Ángel Conde, do Kurai, 21.
Andrea Alonso, de La Colonia Crossfit, foi a primeira muller en cruzar a meta, asinando un tempo de 27:41 que ademais lle outorgou a undécima praza da xeral. Foi segunda Antía García, do Club Deportivo Pinarium (28:57) e terceira Ana Belén Carballo, do Trucorunners (30:45).