Máis de dous mil guerreiros invaden a Illa das Esculturas nunha espectacular Gladiator Race

Pontevedra
03 de xuño 2017

Poucas competicións deportivas son capaces de reunir en Pontevedra a case 2.200 participantes. É o logro que alcanzou este ano a terceira edición da Gladiator Race, celebrada este sábado no ámbito da Illa das Esculturas. Foi, sen dúbida, unha cita espectacular que brillou como nunca antes

Gladiator Race 2017 na Illa das Esculturas
Gladiator Race 2017 na Illa das Esculturas / Diego Torrado

Poucas competicións deportivas son capaces de reunir en Pontevedra a case 2.200 participantes. É o logro que alcanzou este ano a terceira edición da Gladiator Race, celebrada este sábado no ámbito da Illa das Esculturas. Foi, sen dúbida, unha cita espectacular que brillou como nunca antes.

O seu máximo protagonista foi o vigués Cristhian Zarta, que se impuxo nas dúas categorías, Warriors e Rockets, nun axustado duelo co boirense Nolo Romero.

En categoría feminina, o triunfo foi para Paula Esteiro en Warriors e Paula Manzanedo en Rockets.

Pola mañá, os gladiadores competiron por ser o mellor guerreiro nun circuíto de 11 quilómetros e 36 obstáculos. Aí, Zarta empregou un tempo de 47 minutos e 24 segundos; mentres que a campioa feminina necesitou 1 hora, 1 minuto e 38 segundos para alcanzar a liña de meta, 36 segundos menos que a segunda clasificada, Carmen Cid.

Tamén subiron todo o máis alto do podio Warriors o Spartam Team (56 minutos e 35 segundos), líderes da clasificación por equipos.

Xa pola tarde, saíron a competir os Rockets nunha categoría que deparaba un circuíto máis curto, 6 quilómetros e 25 obstáculos. De novo, volveu vivirse un axustado duelo entre Cristhian Zarta e Nolo Romero, decantándose o triunfo a favor do primeiro cun tempo de 30 minutos e 3 segundos, só 3 menos que o seu perseguidor.

A noiesa Alba Manzanedo (41 minutos e 47 segundos) foi a clara vencedora en categoría feminina, mentres que Los Mercenarios (35'03") encabezaron a clasificación por equipos. 

A proba tamén contou cunha versión infantil non competitiva na que gozaron case 300 nenos e nenas acompañados dos seus proxenitores. A Gladiator Kids fixo gozar a grandes e pequenos nun circuíto especial na zona de Tafisa.

A Gladiator Race de Pontevedra volveu a ser un éxito non só de participación senón tamén de público.

Centos de persoas achegáronse ata a contorna da Illa das Esculturas para animar aos corredores e tomar fotografías nos obstáculos máis espectaculares: as Zamburguesas, o Monkey Bars, as argolas e sobre todo o Mont Blanc, unha durísima rampla de madeira de 4 metros e medio que fixo sufrir moito aos participantes, pero gozar aos asistentes.

Ademais, a Gladiator volveu exhibir os seus principais valores por encima da competición: o esforzo, a capacidade de superación, a diversión e o traballo en equipo. Haberá máis, sen dúbida, o próximo ano.