Manu Cossío, baixa por un día no Poio Pescamar... para casar

Marín
08 de outubro 2021

O adestrador vermello non sentará este sábado no banco da Seca ao coincidir o partido de liga do Poio Pescamar coa súa voda. O cadro conserveiro recibe o Atlético Torcal, mentres que o Marín Futsal buscará o seu primeiro triunfo na cancha do Ourense Envialia

Manu Cossío, no partido de liga entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña Mónica Patxot

Coa atención entre a cancha e o altar estará este sábado o Poio Pescamar, que recibe na Seca (18.30 horas) o Atlético Torcal coa intención de lograr un triunfo que consolide o seu gran inicio na liga.

Á mesma hora que o plantel vermello saltará á pista, non moi lonxe o seu adestrador, Manu Cossío, estará a dar o 'si quero' na súa voda, unha data sinalada que lle impedirá estar en banco do pavillón, aínda que seguirá moi presente para unha xogadoras conserveiras que queren dedicarlle a vitoria.

Na súa ausencia será o seu segundo adestrador, Santiago Rodríguez, o que asuma as rendas dun equipo que contará con todas as súas xogadoras dispoñibles ante un Atlético Torcal que tras o seu ascenso á máxima categoría comezou cun punto de 9 posibles nas primeiras xornadas. A pesar diso trátase dun equipo "cheo de xogadoras cun gran nivel", avisan desde o club conserveiro.

DERBI GALEGO EN OURENSE PARA O MARÍN FUTSAL

Pola súa banda o Marín Futsal quere empezar a traducir as súas boas sensacións en puntos, tras encaixar tres derrotas consecutivas ante rivais chamados a estar na zona nobre como o Atlético  Navalcarnero, Melilla e o propio Poio  Pescamar.

No seu caso as xogadoras adestradas por Raúl Jiménez visitarán este sábado (19.00 horas) a pista do Ourense Envialia, equipo que tampouco se estreou en puntos esta tempada.

A dúbida nas marinenses está no estado físico de Ceci, que arrastrou molestias musculares ao longo da semana. Polo menos no aspecto positivo o equipo recupera a María León e contará co resto do seu plantel en perfectas condicións.