Manu Fernández cesado como adestrador do Pontevedra

Pontevedra
12 de outubro 2014

Nun conciso comunicado que recolle unicamente a seguinte frase textual: "El Pontevedra Club de Fútbol ha decidido esta tarde noche el cese del entrenador del primer equipo, Manu Fernandez", o club granate anunciaba o cesamento pouco máis dunha hora despois de finalizar o partido ante o Silva. Patxi Salinas candidato mellor colocado

Manu Fernández presencia o partido ante o Silva dende unha cabina de prensa Diego Torrado

Pouco máis dunha hora despois de finalizado o partido en Pasarón entre Pontevedra CF e Silva SD, exactamente ás 20:19 horas, o Pontevedra emitía un comunicado oficial no que anunciaba o cesamento de Manu Fernández como adestrador do primeiro equipo granate.

O conciso comunicado recolle unicamente a seguinte frase textual: "El Pontevedra Club de Fútbol ha decidido esta tarde noche el cese del entrenador del primer equipo, Manu Fernandez", sen entrar en máis detalles das causas, aínda que como é lóxico hai que buscalas nos malos resultados obtidos nas últimas xornadas, co detonante do empate da presente xornada.

Non obstante, a rapidez coa que se adoptou a decisión deste cesamento fulminante fai pensar que, a pesar das mostras de confianza que dende o seo do Consello de Administración se fixeron públicas nos días anteriores, o cesamento do técnico podería estar previsto xa con anterioridade ao partido. Mesmo algunhas fontes consultadas apuntan a posibilidade de que se tivese producido igualmente fose cual fose o resultado fronte ao Silva.

Manu Fernández: "me llamaron al club los consejeros Roberto Feáns, Manuel Ruibal y Pablo Galván, y me anunciaron la decisión. La presidenta no estaba"

A noticia do cesamento foille comunicada ao técnico nas oficinas do club, segundo confirmou o propio Manu Fernández a PontevedraViva: "Me llamaron cuando acababa de llegar a casa y me pidieron que fuese a las oficinas. Allí me encontré con los consejeros Roberto Feáns, Manuel Ruibal y Pablo Galván, que me anunciaron la decisión. La presidenta no estaba. Llegó cuando yo ya me iba. Nos saludamos al cruzarnos y nada más".

Con respecto a como quedaba a súa situación, Manu Fernández indicou: "De momento no hablamos nada. Mañana (por el lunes) quedamos para negociar y ver cómo se arregla todo". O técnico non quixo entrar en máis valoracións sobre o seu cesamento, aínda afectado pola medida.

Pouco máis dun ano durou a traxectoria de Manu Fernández á fronte do primeiro equipo granate. Concretamente un ano e catro días, tras relevar a Nando no banco o 8 de outubro de 2013, conseguindo clasificar ao Pontevedra para o play-off e rozar o ascenso ao caer na última eliminatoria contra o Puertollano, tras deixar na cuneta a Portugalete e Atlético Granadilla.

PATXI SALINAS, CANDIDATO MELLOR COLOCADO

Aínda que nada se dixo oficialmente, entre os nomes que soan con máis insistencia para relevar a Manu Fernández á fronte do Pontevedra dende hai varios días hai un rumor crecente nos mentideros futbolísticos que sinalan a Patxi Salinas. Mesmo parece que o seu segundo podería ter presenciado os últimos partidos disputados polo equipo granate.

Patxi Salinas adestrou na pasada tempada o Sant Andreu e anteriormente tivo unha breve aventura internacional, no fútbol de Malta, onde dirixiu o Melita. Tamén ocupou o banco do desaparecido CD Ourense.

Ademais de Patxi Salinas, o Pontevedra puido estudar tamén as opcións de Luisito e de Jaime, ex xogador de Deportivo e Real Madrid, non obstante neste último caso a súa falta de experiencia nos bancos (só adestrou os xuvenís do Deportivo) podería terlle afastado de calquera opción.