A marcha nórdica, un aliado para mulleres afectadas por un cancro de mama

Pontevedra
30 de setembro 2025

Un estudo da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte sinala o "potencial" desta modalidade deportiva para promover a actividade física entre mulleres que padecen a enfermidade

Curso sobre marcha nórdica en Ciencias da Educación e do Deporte (arquivo)
Curso sobre marcha nórdica en Ciencias da Educación e do Deporte (arquivo) / Universidade de Vigo

Un proxecto piloto permitiu comprobar o "potencial" dun deporte como a marcha nórdica para promover a actividade física entre mulleres que padecen cancro de mama.

Trátase dun estudo desenvolvido por integrantes do grupo de investigación WellMove, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, e que sinala a esta modalidade deportiva como "unha intervención efectiva para promover actividade física".

Consistente en camiñar movendo de maneira alternativa dous bastóns, a marcha nórdica é un exercicio aeróbico que "ao involucrar as partes superior e inferior do corpo, implica un movemento máis completo que camiñar sen bastóns, o que podería potenciar os efectos beneficiosos, ao mesmo tempo que é unha actividade de baixo risco", explica o investigador principal do proxecto Ponte-Vida, Adriano Sánchez,

Este proxecto piloto foi desenvolvido ao amparo do programa de axudas para o desenvolvemento de iniciativas investigadoras financiado pola Deputación de Pontevedra.

Participaron 23 mulleres ás que se lles diagnosticou cancro de mama que xa completaran o tratamento principal, nun programa de catro semanas de marcha nórdica.

"As sesións levaron a cabo seguindo unha progresión ascendente na carga de adestramento, aumentando progresivamente a velocidade da marcha e o desnivel acumulado", explican os seus responsables.

Contou coa participación, ademais do proppio Adrian Sánchez, dos investigadores da facultade José Carlos Diz, Ana Rey, Silvia Varela e Carlos Ayán, e coa colaboración do instrutor Jorge Torres, de VigoEntrena.

O seu obxectivo era avaliar tanto os posibles beneficios coma se é factible implantar un programa de marcha nórdica nun colectivo que pode presentar "secuelas como fatiga, dor, ansiedade e depresión" tras a enfermidade e que "a miúdo enfronta retos específicos para manter niveis acomodados de actividade física".

Ademais esta modalidade deportiva demostrou contar cunha "alta adherencia" entre as mulleres participantes, que afrontaron sesións semanais de 90 minutos nos que percorrían até 5 quilómetros tentando xerar "un ambiente que favorecese a socialización", sinala o director do proxecto.

Os resultados do estudo levan ao equipo investigador a pór o foco no interese da marcha nórdica para previr complicacións asociadas á inactividade física neste colectivo.